viernes, 15 de mayo de 2015

NAMORARSE EN GALEGO


Iste meu sentir,
que dende que son sento,
eche un amor, un querer,
que ás veces, a demasía, vira a lamento.

Un querer pecho e denso,
coma unha longa noite de inverno,
que sala a miña artesa de sentimentos,
deixando intacto e protexido,
o pulo herdado da saudade.

Saudade que se agocha,
que só aflora,
ao escoitar o rumor da nosa fala,
ou ao albiscar o accidentado verde,
da nosa belida e inesquecible paisaxe.

Aínda que non canse a pena,
na súa penitencia de penar,
cando a oleaxe te envolve,
nin deixe deprimidamete de bater no chan,
a chuvieira bébeda de carraxe.

Camiño na memoria,
roteiros de toxos
e de xestas brincadeiras,
soño que adiviño a ollar vistas,
dende o refuxo do alto do monte.

Sobrevoo a serpe que labra o río,
e que ten a ría por cabeza,
e aterro nunha praia para sentirme faro,
peiteado a diario polo ar,
coma inpertérrita testemuña,
da insondable riqueza,
que atesoura o mar.

viernes, 27 de marzo de 2015

ALÉN DOS ANOS

                                                Parabéns Alen

Lémbrome de acordar ao mundo.
unha tarde de camiño a visitarte,
un catarro atorara a fiestra do teu cuarto,
apuntabamos xa daquela,
a ganas de demo con fame de diantre,
arrebolábamos centos de bolas de golf polo aire,
coma se non houbese preto nada fráxil,
sen medo ningún,
de que ao baternos nos mancasen.
Arrancaba a miña biografía,
sendo nós,
veciños e curmáns de sangue.

Fomos collendo e perdendo autobuses,
autocares que ían á escola,
coches que volven do traballo.
Namentres todo bule,
hay cousas que cambian,
hay cousas que non cambiaron,
aínda debuxamos soños fantasiosos,
enriba de fracos papéis en branco,
aínda segues sendo aquel corazón valoroso,
que vive pegado á cociña dun restaurante,
e seguimos a ser,
coma sempre seremos,
veciños e curmáns de sangue.

domingo, 22 de febrero de 2015

DEREITO A DESAFACERSE


Porque xa non quero,
xa non quero máis,
que as coiteladas
do escalpelo enferruxado da túa boca
me firan.

So preciso,
espantala buxaina
que bailas darredor do meu corazón
e voltar a botarme a voar,
voar a rentes doutros lumes,
a rentes doutras mareas.

E xa ceibo,
recuperar novamente,
o dereito a errar na escolla,
o dereito a procurar
o comezo
doutra historia.

martes, 6 de enero de 2015

NADO EN REIS


                    Para o meu amigo Xosé Constenla 

Partiu agora o inicio,
despegou neste tren no que imos,
comeza o espazo dos soños que cumprir,
o tempo de extraviar os rumbos esquecidos,
a hora de deixarse o coiro, de ser preciso, no camiño.

Mira ben esta vez o que desexas,
se nos metes nunha lea,
que sexa unha lea pequena,
e si é grande,
pois que valga ben a pena,
o caso é atoparte,
no cumio do alto do escenario,
na soidade dunha clase chea,
ou nunha pequena taberna baleira.

Espéranos un ano de aventuras memorábeis,
ti afina a valía que eu quento a entrega,
voaremos para buscarlle as costas á lúa chea,
nunha noite tola ao serán dun limiar de reis.