martes, 24 de diciembre de 2013

TEMPO DE FURADOS


Mentres os teus pés pisen a nosa terra, non che me sexas furado” (XDR)

Adoecemos de ter espazos que necesitan ser enchidos, furados, que se volven a encher coa xente que fai a súa achega en forma de presenza, buratos, coma os que deixa ela, que non vai, ni quere, nin debe voltar, buracos, que son feridas de cravos enferruxados que acentúan a saudade, ocos, que deixaron persoas que se foron e que ninguén os pode cubrir, furados baldeiros que arrepían e abandonan os nosos corazóns a intemperie cruenta destas datas.

E tamén, furados, que poden ser tapados, aínda que sexa só por uns intres, co sinxelo sorriso dun neno, co aceno dunha mai, co abrazo dun amigo ou coa bontade dun estraño.


Bo Nadal

sábado, 7 de diciembre de 2013

NAMORARSE EN SANTIAGO


Marchei á nosa cita,
como quen marcha para se meter
nun niño de estrugas.

Na quintana de mortos nunca xía,
pero a min, conxelouseme ao chegar,
unha imaxe túa.

Logo, de chateo,
cos meus contos,
bulían as túas palabras a sorrisos,
e de sorrisos a risas,
risas que arrolaban e batían,
ían e volvían repicando
polas lousas das rúas.

Volveuse morno o noso encontro
despóis da hora da cea,
eu tentaba de descubrir os segredos
que agochabas detrás da furna inaccesible,
que semellaba sela túa faciana,
pero tí volvías cada vez máis febles
as luces que clareaban a noite.

E bailamos, abofé que bailamos,
e cando os nosos beizos de ferro,
se ían pouco a pouco agarimando,
xusto nese intre, espertei,
espertei cun berro fondamente afogado.

Unha mágoa,
pero amiga,
¡ qué ben o pasamos !.


miércoles, 4 de diciembre de 2013


Aquelas verbas cun fío case afónico de voz,
focalizaban tódolos teus sentidos,
na procura de algo ao que agarrarte con paixón,
así, deleitado cos teus sorrisos,
brincaba o sol polas beirarrúas da túa esperanza.

Bulía a semana a cabalo de San Froilán,
só quedaban os ourizos secos das castañas
estrados polas leiras nas que de mozos brincástedes,
daquela non miravades máis alá das palabras.

Xemía algo moi forte e moi dentro do teu corpo,
abesullando cada aceno, cada pequeno motivo,
que servira para botarlle folgos ó teu corazón,
necesitado de cóxegas, de alento e de aloumiños.

As ondas do vento a debuxar a túa faciana,
xa non espertaban o celme dos teus sentimentos,
aquel tatexar inconfundible das capelas dos teus ollos,
non engaiolaba ao causante de tantos lamentos,
de tanta desleixa, de tantos esquezos, de tanta tanta laia,