miércoles, 30 de octubre de 2013

Pindo, perdón!


Tiña o monte un manto,
tiña o Pindo un abrigo,
vestido de vivo verde,
brincando co Xallas,
termandolle do nordés
as areas de Carnota.

Tiña o monte un incendiario,
tiña o Pindo un inimigo,
os deuses estaban a durmir
a noite maldita que o demo,
laranxa, vermello e mercenario,
escomezou a arrasalo.

Agora so queda a tristura,
o loito da pena feito negrura,
os cadáveres da borra espallada,
o pranto inaguantable,
dunha traxedia inxusta.

Tiña o home un desafío
Tiña o monte un camiño,
tiña o Pindo unha esperanza,
espertares unha mañá,
sentíndose coidado coma antano,
espertares un día sentídose amado.

lunes, 28 de octubre de 2013

PASAXEIRO


Ti so eras,
a semente dunhas bágoas,
para un ano enfraquecido,
termando dunha vela acesa,
ameazada polo vento do nordés

Eu erguíame do revés,
con folgos como para secalas pipas
de tódalas tabernas da vila,
co xenio asilvestrado,
vestíndome polos pés.

Peiteaban as campás,
o ar pesaroso da mañá,
rifaba o demo cas fadas,
despedíndose da lúa,
ao sair o sol de entre a sabas.

Apenas se erguía o día,
e xa escomezaba o esquezo,
saudábanos a leria e os enredos,
deixábanos a preguiza,
e as apertas que nos xuntanban,
naqueles pequenos espazos de tempo.


viernes, 4 de octubre de 2013

DEBEZO

                                              Adicado a Diego


Sabes que existo,
porque sigo na túa mente,
quedo, borroso, nevoento
e serio coma sempre.

Sabes canto debezo,
e miráchesme sufrir,
bébedo da túa lixivia,
sen beizos que ulir.

Sabes como esquecer,
as bágoas das brétemas,
os espellos noxentos,
as corredoiras cegas.

Sabes a vento
que berra polas rúas,
a pó de ouro
afincado nas unllas.

Sabes a medo
brincando polos osos,
cando miro que non te teño,
e perdidamente choro.

miércoles, 2 de octubre de 2013

COMPOSTELA



Querida amiga senlleira:


Gardo un salouco en Vostede,
Vostede que brindou cos meus aninovos,
que tinguiu de gris a morriña,
que cinguiu con choiva
as tenras tardes á miña casa.

Gardo a fermosura da súa noite,
húmida e penumbrosa,
gardo case todo e moito...

Gardo o abrigo da memoria
nos soportais do seu refuxio,
o limiar máis fermoso da gloria,
gravado na testa con mercurio.

Gardo a fame viúva do retorno,
en candansúa lousa agonizante,
gardo case todo e moito...

Gardo fachadas, ansias, recordos,
no meu vagar inquedo e esperanzado,
que trata de voltar coma sempre,
e sempre volta cambiado.

Gardo a teima esmerilada da fuxida,
atorada na boca da gorxa,
gardo case todo e moito...

Gardo todas aquelas belezas,
que non imaxinou ver ninguén,
que só acadei a ver eu,
logo de bicalos seus beizos alá no alén.

Gardo a colleita da súa fertilidade
almacenada no meu senso,
gardo case todo e moito...

Gardo o goce de sentilo seu arume,
o rubor dun latexo árido e nervoso,
que asolaga sen aviso e de cote,
o meu corazón de transeúnte.

Gardo o seixo inalterado do seu granito,
facéndome de base cando tiro para diante,
gardo case todo e moito...

Gardo todo o que podo,
sen gardar a metade do que quixera,
aínda que con vostede,
non remataría de abranguer na vida enteira.

Gardo o son do seu silencio omnipresente,
soterrado a fondo nos miolos,
gardo case todo e moito...

Gardo a tristura exaltada da distancia,
que se afoga nunha lagoa de pena,
pena que no trocante de morrer,
medra como unha mala hedra.

Gardo o sorriso inesquecible,
de levala na miña alma,
gardo case todo e moito,
porque de min, case todo é de seu...
do seu froito.


      Para Santiago de Compostela,
                  de un que naceu nela.